Lobos doentes - TIZÓN, ANTONIO
- Precio normal
- €19,95
- Precio de venta
- €19,95
- Precio normal
- Precio unitario
- por
Editorial: XERAIS - 312 páginas
Ao pé da Torre de Hércules aparece o cadáver dun home que agocha na chaqueta o logotipo dunha bandeira rusa e o enderezo de tres prostíbulos. Este será o primeiro dunha serie de crimes que remiten a diferentes autorías que semellan ter un só punto en común: a aplicación da lei do talión. Esta novela, na que o policía Sánchez Pereiro se transforma noutro dos moitos lobos e lobas doentes que loitan pola supervivencia, débelle o título ao poema de Rosalía «A xusticia pola man». Antonio Tizón aproveita este contexto para afondar na temática recorrente da vinganza, enlazada co 11-M como marco histórico da trama, e volve incidir, como en obras anteriores, na impunidade do poder fronte ao crime ou na confusión entre a loucura e a maldade. Aínda que agora, en «Lobos doentes», a narración intenta tamén descifrar a escuridade que rodea certas tendencias sexuais.
Antonio Tizón Barral (Aranga, A Coruña, 1960) é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, e traballou como xornalista e profesor nas Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Ourense, Santiago e A Coruña. En 1996 publicou un libro de relatos, "In medias res", e o poemario "Ritmos". A partir de 2015, coa novela "A antesala luminosa", comezou a publicar en Xerais unha serie que ten como protagonista principal o policía Xosé Sánchez Pereiro, e que, en clave de xénero negro, pretende abordar, dende distintas perspectivas, o tema da loucura. A esa serie pertencen tamén as novelas "Un home estraño" (Xerais, 2018), Premio Cidade Centenaria de Ribeira, "Os incurábeis" (Xerais 2020) e "Lobos doentes" (Xerais 2023) . Como poeta publicou "Non hai espellos nos manicomios" (2019) nun proxecto multimedia sobre saúde mental que se pode ler na web www.nonhaiespellosnosmanicomios.org. Tamén foi galardoado no V Certamen Internacional de Relatos Cortos sobre Discapacidad con "Descifrando el significado", cunha edición a cargo do centro hospitalario Benito Menni.