O extranxeiro - ALONSO, ÁLEX

Precio normal
€17,50
Precio de venta
€17,50
Precio normal
Agotado
Precio unitario
por 
Referencia de producto

Editorial: XERAIS - 152 páginas

Nun dos seus ires e vires polas rúas de Vigo, Manuel María Pereira Nespereira acaba coa vida dun home nos servizos da estación de autobuses da cidade mediante o infalible método de meterlle a cabeza dentro dunha bolsa de plástico do Mercadona. Tras a súa detención, dá comezo un delirante xuízo no que o acusado trata de xustificar a súa criminosa acción. Unha obra que se move no gume do surrealismo e na que, baixo o humor negro que preside a proposta, se agocha unha mordaz crítica á sociedade actual, aos seus principios e valores e á voluble xustiza que decide o que é delito e o que non. A medio camiño entre «A conxura dos necios» e a novela de Albert Camus da que toma prestado o título, «O estranxeiro» constitúe unha reformulación da novela humorística, afondando nos mecanismos que manexa este xénero e ampliando as súas estremas, referencias e espazos clásicos.

Álex Alonso (Vigo, 1968) é licenciado en Filoloxía Galega e Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade traballa como tradutor intérprete da Administración de Xustiza na Audiencia Provincial de Pontevedra. En 2003 recibiu a mención especial do xurado do XII Certame de Narracións Breves Manuel Murguía pola obra «Estremonías»; en 2010 gañou o VI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares por «Xénero imperfecto», e en 2015 resultou gañador do Certame de Narrativa Curta Ánxel Fole con «Tempos de bebidas isotónicas e fast-food» (Xerais, 2016). Coa novela «Granito» (Xerais, 2020) logrou ex aequo o Premio Torrente Ballester, con «Bullying» (Xerais, 2023) volveu gañar o Certame de Narrativa Curta Ánxel Fole no ano 2022 e con «O estranxeiro» (Xerais, 2023) conseguiu o XXIX Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey.