O legado da nena do sal - GALLEGO ABAD, ELENA
- Precio normal
- €21,95
- Precio de venta
- €21,95
- Precio normal
- Precio unitario
- por
Editorial: XERAIS - Idioma: galego - 624 páginas
Cando Inés lle prometeu á nai ler os seus cadernos e escribir o libro da súa vida non podía imaxinar o alcance dese legado. Ao abrir o primeiro manuscrito, a memoria devolveulle a imaxe de Carmiña, trinta anos máis nova, escribindo sen parar sobre a mesa da cociña. Inés sabía que se lle presentaba unha oportunidade irrepetible e fixou a ollada na caligrafía coñecida, coma se así puidese revivir a nai xa ausente para sempre. E o texto prendeuna a un pasado e unha vida absolutamente descoñecidos para ela: «Este é o relato dunha orfa á que lle tocou loitar pola supervivencia, un pequeno gran drama que aconteceu nos tempos duros dunha España acabada de saír dunha guerra civil. Naquel tempo moitas familias perderon todo o que tiñan, algúns incluso a vida, mentres outras facían moitos cartos. Para medraren, algúns deses novos ricos sen escrúpulos nin cultura non dubidaron en aproveitarse de persoas inocentes e desvalidas coma min.»
Elena Gallego Abad (Teruel, 1969) é escritora e xornalista cunha ampla traxectoria profesional, ligada a diversos medios de prensa e radio galegos. Membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e da Federación Internacional de Periodistas (FIP), recibiu o Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo en 1998, no apartado de medios audiovisuais. Deuse a coñecer como narradora coa saga xuvenil «Dragal», publicada por Xerais: «Dragal I. A herdanza do dragón» (2010, finalista do IV Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil en 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento 2012); «Dragal II. A metamorfose do dragón» (2011); «Dragal III. A fraternidade do dragón» (2012); «Dragal IV. A estirpe do dragón» (2015) e «Dragal V. O segredo do dragón» (2019). Autora da novela policial «Sete Caveiras» (Xerais, 2014), da romántica «O Xogo de Babel» (Xerais, 2017), e da histórica «O legado da nena do sal» (Xerais, 2024), Elena Gallego Abad obtivo o II Premio de relatos curtos O Cabaleiro da Vila de Bouzas coa obra «A promesa» (2017). Autora de relatos publicados en diversos volumes colectivos, impartiu os obradoiros de escritura creativa «Imos Contar Mentiras», «Pontevedra Ficción» e «Proxecto Legado» (incluído no catálogo do programa Ler Conta Moito das bibliotecas públicas de Galicia 2023). Tras asumir a dirección dunha empresa do sector sanitario, actualmente é representante territorial do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Pontevedra, participa en faladoiros e imparte conferencias.