Os seres queridos - DÁVILA, BERTA
- Precio normal
- €16,95
- Precio de venta
- €16,95
- Precio normal
- Precio unitario
- por
Editorial: XERAIS - Idioma: galego - 136 páginas
Cinco anos despois de ser nai, a protagonista desta novela atópase inesperadamente na disxuntiva de decidir se quere volver selo ou non. O recordo doloroso do primeiro ano de crianza do seu fillo devólvelle un reflexo da experiencia que non resulta doado encaixar, atravesado pola culpa e o arrepentimento. Desde o relato das derradeiras semanas do ano, onde as reunións familiares se mesturan con acontecementos repentinos, a narradora fálanos da familia e da parella, dos lazos que non se escollen, pero tamén do loito, da amizade e da capacidade da literatura para recoller aquilo ao que nos custa poñerlle nome. Berta Dávila configura en «Os seres queridos», Premio Xerais de Novela 2021, un autorretrato incómodo sobre o que significa o amor maternal, unha historia que afonda nas arestas controvertidas da maternidade e confronta o relato edulcorado. Pero, por enriba de todo, a autora constrúe unha novela sobre os vínculos que nos atrapan e nos sosteñen, sobre se iso que somos é tamén o que queremos ser.
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é narradora e poeta. Por «Raíz da fenda» (Xerais, 2013) obtivo o Premio Johán Carballeira de poesía e posteriormente o Premio da Crítica Española e o da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega na modalidade de poesía. Como narradora é autora, entre outros libros, das novelas «O derradeiro libro de Emma Olsen» (2013), Premio Repsol de Narrativa Breve e Premio da Asociación Galega de Editoras ao mellor libro de ficción; «Carrusel» (2019), Premio García Barros e Premio da Crítica Española; «Illa Decepción» (2020), Premio Repsol de Narrativa Breve e finalista do Premio da Crítica Galicia; «Os seres queridos» (Xerais, 2022), obra coa que conseguiu o Premio Xerais de Novela 2021, o Premio Follas Novas de Narrativa, 2023 e o Premio da Crítica de Galicia (Creación Literaria), 2023; e «A ferida imaxinaria» (Xerais, 2024). No ámbito da literatura infantil e xuvenil é autora dos álbums ilustrados «A fuxida» (2014) e «O libro grande dos números pequenos» (Xerais, 2023), do libro de poemas «A pel do mundo» (2017), das novelas infantís «Demetrio Demoscopio perdeu a chispa» (Xerais, 2022) e «O Concurso dos Mellores Inventos (e outros incribles acontecementos)» (Xerais, 2024) e da novela xuvenil «Un elefante na sala de estar» (Xerais, 2022), coa que gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2021.